AVALIACIÓN

A avaliación do alumnado:

A avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado de Ed. Primaria será continua e global, tendo en conta o progreso do alumnado no conxunto de áreas do currículo, progreso que se valorará a partir das características de cada alumno/a e do contexto sociocultural no que se desenvolve.

1. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos das áreas e da etapa na avaliación das áreas serán os criterios de avaliación que figuran no anexo II do Decreto 155/2002, do 15 de setembro polo que se establece o Currículo da Educación Primaria de Galicia.

Os referentes en caso do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na devandita adaptación, sen que isto poida impedirlle a promoción ao curso ou á etapa seguinte.

2. A avaliación do alumnado será global, continua e formativa, e terá en conta o grao de desenvolvemento das competencias clave e o seu progreso no conxunto dos procesos de aprendizaxe.

3. No contexto deste proceso de avaliación continua, cando o progreso dunha alumna ou dun alumno non sexa o adecuado, estableceranse medidas de reforzo educativo. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.

4. Na avaliación promoverase o uso xeneralizado de instrumentos de avaliación variados, diversos e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe que permitan a valoración obxectiva de todo o alumnado.

5. A avaliación das aprendizaxes das alumnas e dos alumnos terá un carácter formativo e será un instrumento para a mellora tanto dos procesos de ensino como dos procesos de aprendizaxe. Nese sentido, o profesorado avaliará tanto as aprendizaxes do alumnado como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente, para o que establecerá indicadores de logro nas programacións docentes.

6. Con independencia do seguimento realizado ao longo do curso, o equipo docente, coordinado pola titora ou polo titor do grupo, valorará, de forma colexiada, o progreso do alumnado nunha única sesión de avaliación que terá lugar ao finalizar o período lectivo do curso académico.

Os documentos e informes de avaliación serán:

1. Na educación primaria, os documentos oficiais de avaliación son as actas de avaliación, o expediente académico, o historial académico, o informe final de etapa e, no seu caso, o informe persoal por traslado.

2. O historial académico e, no seu caso, o informe persoal por traslado considéranse documentos básicos para garantir a mobilidade do alumnado por todo o territorio nacional.

3. Os documentos oficiais de avaliación deberán recoller sempre a norma que establece o currículo correspondente.

4. A custodia e o arquivo dos documentos oficiais de avaliación corresponden aos centros docentes en que se realizaron os estudos. O labor de cubrir e custodiar devanditos documentos será supervisada pola Inspección educativa.